* Representantes de diversas asociacións profesionais reuníronse cos tres partidos con representación na casa do Concello en María Pita.
* A preocupación no sector pola falta de pagamento de facturas de 2023 e os futuros recortes nas actividades previstas para este ano foi o asunto principal nas conversas.
* A menos dun mes da súa celebración o proxecto xa consolidado Rúa das Xoubas é o que corre máis perigo.
A Coruña, 25 de maio
Representantes de diversas asociacións sectoriais da cultura profesional da cidade completaron unha ronda de xuntanzas con representantes de Partido Socialista, BNG e Partido Popular no Concello de A Coruña. En concreto, estes profesionais e empresas pertencen a asociacións coma Escena Galega, Clubtura, Musicas ao Vivo e a Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, todas con profesionais e empresas afectadas pola falta de pagamento do IMCE por actuacións e outros servizos realizados en 2023.
A proposta que se trasladou nas xuntanzas inclúe diversas medidas a curto e medio prazo para que se melloren de xeito moi profundo as actuais estruturas de traballo dentro da área de Cultura e do IMCE, así como a comunicación coas empresas e profesionais do sector. Resulta evidente que urxe a contratación de persoal especializado na xestión cultural, persoal técnico e dotarse dun plan de acción coordinado e con obxectivos claros.
Como medida urxente, solicitouse a aprobación en Pleno urxente dun modificativo de crédito no orzamento municipal de 2024 que, ademais de garantir o pagamento dos servizos prestados no ano pasado, non implique unha devastación dos proxectos das pequenas empresas e profesionais da cidade que serían as máis prexudicadas no caso de que ese modificativo sexa unicamente restando os cartos debidos das partidas do orzamento actual. Sería pan para o ano pasado e fame para este ano. Un modificativo que abrangue toda a débeda calculada e aprobada pola intervención económica do Concello. Se isto non ocorre, implicaría un evidente prexuízo para a cidadanía coruñesa que quedaría sen múltiples proxectos culturais moi necesarios ao longo dos case sete meses quedan do ano en curso.
Sendo evidente que o máximo responsable da situación é o partido que goberna en María Pita e debe ser quen aporte as solucións, resulta preciso que, sempre dentro das posibilidades que prevé a Lei, os partidos que tamén representan a unha parte moi importante da cidadanía, cooperen nun tema tan delicado na consecución de acordos que beneficien nun dereito constitucional como é o dereito de acceso de todas as persoas á cultura.
Tamén se falou dun traballo a realizar por todas as partes implicadas para articular fórmulas legais na contratación, respectando sempre a creatividade, o valor das ideas, e as diversas leis que afectan á propiedade intelectual, aos rexistros de marcas e que iso sexa compatibles con ofrecer ás artistas da nosa terra e ao público as mellores condicións que permitan gozar da cultura de proximidade na que as referentes están ao noso carón no día a día e non aparecen unha soa vez cada década.